Razóns políticas (d)e Invisibilidade/ A Cidade Invisible

Imagem

*Texto base participaçom nas jornadas A Cidade Invisibel

A cidade invisíbel

participación e políticas públicas  na cidade esquecida           

Este texto pretende ser unha aportación a modo de breve análise, dos marcos de pensamento presentes na acción de deseño das políticas públicas na cidade de A Coruña, no referente especialmente á xestión espacial das minorías.

Sen dúbida, atendendo ás técnicas de goberno que desde as institucións públicas implicadas no modelo de cidade se teñen deseñado nos últimos 30 anos, podemos afirmar que a vontade política e os posicionamentos idelóxicos despregados redundaron de forma hexemónica nun proxecto economicista da cidade e do territorio.

A máxima de pensar a cidade como máquina de xerar plusvalía e a regla todo é mercado e negocio no ámbito urbano, impregnarom os deseños estruturais, as prácticas de governo e a xestión administrativa das corporacións municipais desde a chegada do PSOE ao poder con Francisco Vázquez á cabeza, no ano 1983.

A modo de ponto de partida é preciso sinalar, como no contexto aberto coas políticas de crecemento sen límites e xentrificación preponderantes nas accións de goberno da época, extendeuse de forma vírica no imaxinario colectivo a sensación relativa a considerar a corrupción como algo inevitable; un mal menor. Poderíamos incluso dicir que desde diversas institucións vinculadas ao ordenamento espacial da cidade chegouse a transmitir unha intrínseca relación -acaso natural- entre especulación e vida económica na cidade.

Este crecemento sen precedentes do caudal urbanizador, inversamente proporcional ao estancamento demográfico da cidade, traducíuse lóxicamente en fortes -e canto menos singulares- concentracións de capital (FADESA- Jove ou Herederos de Ignacio de la Iglesia, por citar dous ‘significativos’). Porén, é xusto afirmar que, por buscar un dato positivo, as arcas públicas -municipais sobre todo ademáis de, autonómicas e estatais- experimentaron tamén nos anos de boom inmobiliario na cidade un crecemento dos seus ingresos por vía da (ainda así baixa) gravación dos movementos urbanizadores.

Pero, facilitou este engrose dos ingresos municipais políticas sociais inclusivas coas poboacions en risco de exclusión? Cales foron realmente as liñas mestras das políticas urbanísticas ao redor dos bairros informais e asentamentos precarios da cidade?

A modo de sintese, poderíamos dicir que a xestión pública operou nun duplo sentido complementario. Primeiramente, no plano do debate público o marco discursivo e a mensaxe foron claras: invisibilizar ás minorías; facer ‘desaparecer’ (como apontou Ramon Pérez Basich, expresidente da AVV O Campanario) determinadas capas da poboación insertas materialmente en territorios onde o público, como prestación de servizos básicos, non existía. E, no peor dos casos, reducir os conflitos sociais latentes nos marxes da cidade a problemas de orde público.

En segundo lugar, no plano da intervención real, as políticas municipais artelláronse como ferramentas para segregar ás poboacións dos asentamentos precarios da urbe, profundizando a problemática ao permitir operacións de especulación do solo que afogaron aos territorios habitados por estes grupos de ‘cidadans sen dereitos’, até conseguir o seu desprazamento ás novas periferias da cidade.

Sintomático desta disciplina na xestión foi o desaloxo pola forza dos habitantes do bairro da Cubela.

No ano 1984, o día inmediatamente posterior ao desaloxo municipal do bairro -onde finalmente construirían a primeira grande superficie comercial da Coruña, El Corte Inglés-, o escritor Manuel Rivas, escribía no xornal ‘El Pais’ a este respeito: “”Nos colocan en una reserva como a los indios”, dice Antonio, de 25 anos, que actúa por momentos como portavoz. Su nuevo destino son los terrenos ariscos de Pena Moa, cerca del vertedero de basura, y alejados de la ciudad por una pista absolutamente intransitable. “Lo más grave”, señala Antonio, “es que nos envían a un gueto, aumentando la marginación, porque aquí algunos teníamos una forma de vivir sin necesidad de robar”. Los responsables municipales afirman que las condiciones del traslado son ventajosas para los gitanos. Las viviendas que se les ofrecen son de unos 40 metros cuadrados y están divididas en dos piezas. No obstante, en los barracones no se han previsto duchas ni baños y en el lugar no existen elementos imprescindibles, como una escuela.”

Singularmente, as palabras de Manuel Rivas ilustran unhas técnicas de intervención pública que semellaban cómodamente insertas en conservar a orde mediante unha disciplina fundamentada na segregación. Os axentes públicos en liza, facían boas as asimetrías latentes, aplicando aquela triste máxima liberal que entendía que existen xentes que apenas poden ‘sair da nada para achegarse á miseria’.

Definitivamente, só atendendo a esta forma de aplicación dos mecanismos de control e laminación social en función da raza e a renta podemos comprender como, no lapso temporal percorrido desde a constitución de 1978 até o presente, lonxe de solucionarse o problema, a cidade de A Coruña erixíuse como a capital do País con maior poboación -relativa e absoluta- habitando en asentamentos precarios.

Pero, entrando no tempo presente, nas últimas dúas lexislaturas a combinación da exaltación dun modelo de cidade elitista (‘..la Gran Coruña..’) co discurso criado desde diversos espazos municipais, (por actores como a ‘socialista’ Concellería de Servizos Sociais) sobre as minorias e as comunidades en risco de exclusión social resultou ser o irresponsábel caldo de cultivo para que as dereitas sociais e mediáticas da cidade comezaran a construir un estrano universo de medo ao outro, ao diferente.

Políticas sociais de governo en clave moral e electoralista que permitiron un espazo de oportunidade para que se iniciara na cidade a construcción de movimentos sociais desde arriba (desde os poderes da dereita) con ambiguos tintes autoritarios, conservadores e xenófobos como os activados en barrios sen unha articulación social previa como Novo Mesoiro ou A Silva e que fixeron desembarcar no debate público sentencias populistas contra as minorías xitanas. Unha irresponsabilidade política, fomentada desde diversas áreas do goberno municipal. As mesmas que respostaron dilatando a exclusión dos veciños e veciñas dos asentamentos precarios (e tamén dos migrantes, das persoas con rentas baixas, etc etc) inhibindose das súas funcións como necesarios axentes integradores, ante as organizadas presións das capas máis reaccionarias do universo mediático e da poboación. En definitiva, unha incapacidade colectiva, fundamentada de forma singular nas concellerías socialistas, para construir ferramentas para a governanza urbana, entregando o ‘que facer?’ en chave de cidade á improvisación e á ausencia de perspectivas mínimamente transformadoras.

Neste contexto, e tendo en conta a cadencia da crise presente, atopámonos ante un momento especialmente sensíbel no que aos asentamentos precarios na cidade se refire. Como sabemos agora, a crise financieira e inmobiliaria que estourou no 2007 non é fruto de un momento conxuntural. Semella máis ben constituirse como un profundo proceso estructural de perda radical de direitos sociais con visos de perpetuarse no tempo. A aguda dualización social que estamos a vivir trae consigo a bancarrota dos fogares endebedados coa consecuente vaga de despexos por impago de hipoteca e aluguer. As primeiras estimacións, que falan de máis de un millar e medio de despexos na cidade no recen rematado 2010, dan unha estimada idea da magnitude do problema de vivenda que se está a xerar nun tecido social urbano onde as políticas de inclusión a este nivel estiveron e están practicamente desaparecidas.

Cómpre, polo tanto, reaccionar como sociedade civil a nivel de cidade para afrontar e solucionar un problema enquistado que podería extenderse. É urxente operar en dous sentidos. Por un lado, activar procesos de autoorganización como os dinamizados polos veciños e veciñas das Rañas e especialmente do Campanario (no Portiño) co apoio activo e dinámico de ASF Galicia (Arquitectos sen fronteiras) e Desescribir. Poñer en marcha, por outro, os mecanismos de presión e movilización social crítica que obliguen ás administacións públicas a dispoñer as medidas que garantan o cumprimento dos direitos básicos de ciudadanía dos veciños e veciñas dos asentamentos precarios da cidade.

Porén, cómpre marcar o ponto do debate. É imprescindíbel trazar liñas comunicativas que destrúan a retórica de privilexios construida polas tendencias liberais ao redor de todas aquelas capas populares en risco de exlusión en xeral, e da poboación xitana en particular.

Lonxe de falar de privilexios, estamos a falar de exixir o cumprimento dun dereito fundamental enmarcado no marco xurídico-político constitucional e en todas as cartas de Dereitos Humanos: o dereito a vivenda. Estamos falando da necesidade de facer efectiva a extensión dos dereitos básicos de cidadanía (educación, vivenda, saúde,..) a capas da poboación que, por razóns de diferencia étnica e/ou económica (xitanos, ainda que tamén migrantes, pensionistas con rentas baixas, xoves precarios etc etc…), son sistemáticamente segregados e expulsados das políticas sociais e do engranaxe de articulación social.

Retomar un discurso radicalmente tranformador co que opoñernos colectivamente a ecoloxía do medo e ao control urbano de corte neoliberal. Compoñer o mapa social das minorias da cidade (que conforman de feito a maioría numérica da poboación) e levar a esfera do espazo público as súas reivindicacións. É hora, finalmente de recuperar o pulso a esquerda desde os movimentos sociais para redefinir o noso proxecto social de cidade e facer cumprir, de forma universal, os dereitos básicos de cidadanía compactados no Dereito a Cidade (http://dereitoacidade.blogaliza.org/).

“Tamén en Raísa, cidade triste, corre un fío invisible que une por un intre un ser vivo con outro e destruese; a continuación, volve tenderse entre puntos en movemento deseñando novas, rápidas figuras de modo que en cada segundo a cidade infeliz contén unha cidade feliz que nin sequera sabe que existe ” 

‘As Cidades Invisíbeis’ de Italo Calvino

[http://ergosfera.org/blog/?p=1648  ou  http://rede.blogaliza.org/2011/02/01/a-cidade-invisible/]

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s