Xeolocalización, vida pública e comunicación política virtual

Imagem

A infoesfera mudou nos últimos anos nun territorio central na loita política. A ansia por producir unha comunicación telemática continuada que destile a proximidade do inmediato arrastrou a moitos actores da política representativa ás redes sociais. En relación a isto, a expansión de dispositivos móbiles ou portátiles conectados difuminou o espazo entre personalidade virtual e cotidianidade.

Pero ás veces, este delgado fío entre o material e o virtual pode mudar nunha madeixa. Isto é o que lle pasou ao membro dos verdes alemáns, Malte Spitz.

E é que Deutsche Telekom filtrou os datos que durante un período de seis meses, desde o 31 de agosto de 2009 até o 28 de febreiro de 2010, rexistrou sobre os movementos de Spitz. Unha combinación de xeolocalizacións –máis de 35.000– que tras ser filtradas, levaron a Malte Spitz a denunciar ao xigante alemán da comunicación.

Máis aló da esfera pública, no ámbito do uso particular, son moitos os elementos que nos deberían levar a coñecer de forma máis completa a tecnoloxía que levamos nos petos. Ás voltas coa xeolocalización, desde o espazo virtual Quematumovil –quematumovil.pementa.org– lémbrannos que “os operadores de telefonía empezaron estes últimos anos a utilizar esta información para propor e vender servizos –chamados servizos de LSB–: para indicarte os restaurantes que tes preto, para chamar automaticamente ao taxi libre máis próximo, para mandarte publicidade personalizada, etc. Ademais de propoñerte servizos adaptados segundo onde esteas, os operadores tamén comezaron a vender esta información a outros.  Varios operadores e empresas de todo o mundo ofertan xa servizos para permitir aos pais localizar aos seus fillos ou aos seus empregados”. Pero ademais destes máis que cuestionábeis usos, é preciso reflexionar colectivamente sobre a incidencia destas “marketing strategy” no ámbito persoal. Faise necesario ser conscientes de que estamos diante de ferramentas de publicidade que, empregadas como propaganda acaban inseríndose no terreo do emocional.

Atopámonos diante dun espazo de contacto entre a estratexia comercial e o control social. A este respecto as ilustrativas palabras de Richard Stallman, fundador de GNU e un dos máis salientábeis referentes do movemento polo software libre abriron un espazo para a polémica: “Non teño nin xamais terei un smartphone. É o soño de Stalin. Os teléfonos son ferramentas de Gran Irmán e non levarei un dispositivo de rastrexo que rexistra onde vou todo o tempo nin un dispositivo de vixilancia que se poida activar para escoitar”.

Hogano os teléfonos portátiles móstranse como dispositivos de seguimento capaces de revelar demasiado sobre as nosas vidas. Aínda que somos relativamente conscientes do control social exercido por instancias estatais poida que esteamos deixando unha enorme fonte de información sobre as nosas vidas fóra do alcance das nosas decisións. O cruzamento de datos entre localización e produción de información desde dispositivos celulares pode revelar polo miúdo onde e que estivemos facendo, compondo un descoñecido crebacabezas entre a esfera do íntimo e o público.

Pero máis aló da polémica sobre a privacidade, a web Boingboing –www.boingboing.net– recompilou o “track” de xeolocalizacións de Deutsche Telekom para polo en relación cos comentarios deste político alemán en Twitter, no seu blog ou noutras páxinas web. A reconstrución desta biografía a medio camiño entre o virtual e o real abre diversas reflexións sobre a produción de ideas, relacións e contidos que desde a política representativa trátase de relatar. Até que punto, a comunicación política impregna os xestos virtuais daqueles que nos queren representar? Que hai de de verdade no relato de vida pública da clase política virtual?

Sen dúbida, a necesidade de producir contidos cotiáns está alterando a forma de actuar dos políticos profesionais. Pero sobre todo, pode estar modulando a percepción cidadá da mensaxe que, a través deste bombardeo constante de información, arrástranos do móbil ao televisor, da pantalla publicitaria do bus ou o metro ao computador. Somos realmente conscientes? É difícil saber se estamos criticamente armados perante a elaboración de mensaxes que tratan de convencernos sutilmente. Que tratan de aparentar, profesionalmente, consciencia do colectivo e sensibilidade polo particular.

Paul Virilio lembrábanos no século pasado como os tempos que se aveciñaban ían estar dominados pola “dromosfera”, ou o que é o mesmo, unha constricción do espazo-tempo da comunicación. O teórico cultural e urbanista francés afirmaba “desde o momento en que a sociedade se ve arrastrada cara á implementación dunha velocidade industrial, pásase, de xeito moi insensíbel, da xeopolítica á cronopolítica”. A cronopolítica, ou como entender a política como unha xestión dos tempos. É probábel que debamos de facerlles comprender a estes políticos xeolocalizados e hiperconectados que, como di Jose Luís Sanpedro, “O tempo non é ouro; o tempo é vida”.

http://www.altermundo.org/xeolocalizacion-vida-publica-e-comunicacion-politica-virtual/

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s